Thursday 16 de May de 2024

Mondra, Sila Lua, O Rabelo e Nenaza, Catuxa Salom, Lontreira e Amoebo súmanse ao Atlantic Pride 2024


A nova escena musical galega convértese en protagonista do festival promovido polo Concello, que desenvolverá a súa quinta edición na

A nova escena musical galega incorpórase ao cartel do Atlantic Pride 2024, promovido polo Goberno de Inés Rey. Mondra, Sila Lúa, O Rabelo e Nenaza, Catuxa Salom, Lontreira e Amoebo súmanse ao programa do festival, que desenvolverá a súa quinta edición na Coruña do 7 ao 14 de xullo.

Deste xeito, o Atlantic Pride será testemuño este verán da FOLĪA das ARDENTES de Mondra, unha experiencia musical, visual e performativa en diálogo coa música tradicional galega; unha proposta íntima e irreverente a un tempo, da man dunha das voces máis celebradas da escena musical actual e o seu relato de resistencia e celebración.

Os Xardíns de Méndez Núñez da cidade herculina bailarán tamén ao ritmo de Sila Lua e o seu singular son, una mestura libre de xéneros a medio camiño entre a música urbana de fala hispana e a electrónica experimental europea. Pola súa banda, O Rabelo e Nenaza convidarán o público a non deixar de bailar coa súa proposta conxunta, que mestura a música tradicional galega con ritmos como o reguetón, o tecno, o neoperreo e o funk favela.

Pola súa banda, Catuxa Salom dará boa conta da súa experimentación coa música tradicional galega, os ritmos latinos e as bases electrónicas, mentres que Lontreira, de novo viaxando da electrónica á música tradicional, sorprenderá cun caleidoscopio estilístico de sons variados, que van do spoken-word ao dream-pop ou mesmo do tecno-folk a un vangardista reguetón. Finalmente, a efervescencia de Amoebo converterá o Atlantic Pride nunha auténtica verbena galega de sons urbanos contemporáneos, bailes desmedidos, humor e moita diversión.

O Atlantic Pride é un festival pioneiro, gratuíto e inclusivo, impulsado pola Asociación Orgullo Coruña -ORCO-, o Concello da Coruña e Turismo da Coruña. No seu cartel, ademais destes novos nomes anunciados, está tamén confirmada a presencia das estrelas eurovisivas Rosa López, Las Ketchup, Lucía Pérez e Nebulossa, o dúo de electropop formado por María Bas e Mark Dasousa, que representará a España no Festival da Canción de Eurovisión este 2024 co seu tema “Zorra”.

O Orgullo do Norte

A Coruña volverá ser a sede do Orgullo do Norte entre o 7 e o 14 de xullo para desenvolver a quinta edición do Atlantic Pride. Neste 2024, o festival propón oito xornadas de música e celebración ao redor da diversidade sexo-afectiva e de identidade na que promete ser, novamente, nunha das citas imprescindibles do verán no noroeste peninsular, que moi pronto desvelará novos nomes e actividades.

O Festival Atlantic Pride nace en 2019 coa vontade de situar a cidade como a capital do bo ambiente e a celebración sen distincións nin barreiras e, en 2022, regresou á súa esencia con toda a forza, enchendo A Coruña e as súas rúas de música en directo durante oito xornadas.
En 2023, o Atlantic Pride logrou alcanzar máis de 100.000 espectadores, marca que a cita se propón bater este ano.

O Atlantic Pride nace na Coruña no ano 2019 como un festival pioneiro, gratuíto e inclusivo, destinado a reivindicar a liberdade afectiva, sexual e de identidade desde unha perspectiva lúdica e inclusiva. Está impulsado pola Asociación Orgullo Coruña -ORCO- e o Concello da Coruña e Turismo da Coruña. O proxecto, que trata de aglutinar a todas as capas da sociedade coruñesa dentro dunha contorna segura e amigable, desenvólvese en torno a varios días de concertos e actividades culturais, entre elas, o seu Certame de Literatura LGTBI+, co fin de atraer o público local e de fóra, como un referente cultural, turístico e social do noroeste.